O BNG de Vigo propón uns orzamentos participativos para que a cidadanía decida parte dos investimentos de 2027

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo reclamou a posta en marcha dun proceso de orzamentos participativos para a elaboración das contas municipais de 2027, co obxectivo de que a cidadanía, as asociacións veciñais e os movementos sociais poidan decidir directamente o destino dunha parte dos recursos públicos do Concello.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defendeu que os orzamentos son a principal ferramenta de planificación dun concello, ao determinar tanto os investimentos como as políticas que se desenvolven na cidade. Neste sentido, considerou necesario abrir a súa elaboración á participación directa da veciñanza.
A formación nacionalista volveu cuestionar a xestión económica do Goberno local de Abel Caballero e asegurou que nos últimos anos se acumularon importantes cantidades de recursos sen executar. Segundo os datos achegados polo BNG, os orzamentos de 2023, 2024 e 2025 suman 363 millóns de euros pendentes de execución, unha cifra que, segundo advertiu Igrexas, podería aumentar ao remate do presente exercicio.
Desde o BNG consideran que os recursos municipais deberían orientarse prioritariamente a reforzar os servizos sociais, impulsar políticas públicas de vivenda, mellorar o transporte urbano e atender as necesidades dos barrios e parroquias. A estas cuestións engaden tamén a promoción da actividade cultural, o apoio ao deporte local e o desenvolvemento de políticas específicas para a mocidade.
A proposta nacionalista pasa por habilitar un proceso aberto de participación cidadá que permita incorporar as prioridades da veciñanza á elaboración das contas municipais. Segundo explicou Igrexas, esta fórmula contribuiría a mellorar a transparencia na xestión dos recursos públicos e favorecería unha maior implicación social na toma de decisións.
O BNG sostén que os orzamentos de 2027 deben responder ás necesidades do conxunto da cidade e defende que unha parte significativa dos investimentos sexa decidida directamente pola cidadanía mediante mecanismos de participación democrática.