O BNG de Vigo reclama un plan de tráfico para "evitar o colapso" co inicio do curso

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama a posta en marcha dun plan de tráfico en Vigo de cara á volta das aulas e ao reinicio da actividade laboral en setembro. A fronte nacionalista pide ao Goberno de Abel Caballero que planifique “alternativas reais” de mobilidade para evitar que, un ano máis, a cidade rexistre importantes retencións e saturación do tráfico.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lembrou que as viguesas e vigueses padeceron de media o ano pasado até 56 horas “atrapados” en atascos. Unhas retencións que, alertou, supoñen demoras de máis dun 30% nos desprazamentos e multiplican a contaminación, os niveis de ruídos e o risco de accidentes en Vigo.
“Vigo non soporta máis a falla de previsión e a pasividade do Goberno municipal ante o caos diario do tráfico”, censurou Igrexas. Advertiu de que a situación vaise agravar en setembro coa volta de miles de desprazamentos nunha “cidade minada de obras eternas”, como o caso da rúa San Roque o dunha arteria fundamental como a Avenida de Madrid, e coa entrada diaria de máis de 90.000 vehículos que chegan desde os concellos da área.
Entre as medidas propostas, o BNG destaca a necesidade de potenciar o transporte público como alternativa ao uso do coche particular. Por este motivo, reitera a petición de recuperar as 250 frecuencias do bus urbano recortadas dende a pandemia, implantar a prioridade semafórica para o autobús e o taxi e mellorar as conexións cos servizos básicos, como os hospitais, as estacións de tren, bus e aeroporto, os institutos de FP, o CUVI e os polígonos industriais.
Dende a fronte nacionalista ven tamén imprescindíbel que se habiliten aparcamentos públicos disuasorios nos accesos á cidade. Unha medida que, consideran, ten que ir acompañada dunha “aposta decidida” por mellorar as conexións por transporte interurbano a nivel metropolitano.
“O problema do tráfico non se vai resolver pedíndolle ás viguesas e vigueses que teñan paciencia”, remachou o portavoz municipal do BNG, que demandou planificación do Goberno local para que Vigo avance cara a unha “mobilidade máis áxil, segura, limpa e menos ruidosa”.