O BNG levará ao Pleno de Vigo o seu rexeitamento ao desfile das Forzas Armadas

O Bloque Nacionalista Galego defenderá no vindeiro Pleno do Concello de Vigo unha moción de rexeitamento ao desfile das Forzas Armadas españolas previsto para o próximo 30 de maio na cidade. A formación considera que este acto é “alleo ás prioridades reais” de Vigo e incompatible coa defensa dunha cultura de paz e co histórico compromiso da sociedade viguesa co “non á guerra”.
O portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, explicou que a iniciativa tamén cuestiona o forte impacto urbano, ambiental e económico derivado do que cualificou como un dos maiores despregamentos militares realizados en Galicia nas últimas décadas. O operativo contará con máis de 3.200 efectivos, centos de vehículos militares, aeronaves de combate e unha ampla exhibición naval e aérea na ría de Vigo.
Igrexas criticou que o Goberno municipal “pretenda converter Vigo nun escaparate de propaganda militarista e españolista”, presidido, segundo afirmou, por “unha monarquía anacrónica e corrupta”, utilizando o espazo público para unha exhibición que considera afastada das necesidades sociais da cidadanía.
“O que precisa Vigo non son tanques, cazas militares nin desfiles propagandísticos, senón máis vivenda pública, mellores servizos públicos e políticas que atendan os problemas reais das viguesas e vigueses”, sostivo o portavoz nacionalista.
A moción presentada polo BNG denuncia tamén as molestias e os prexuízos que, segundo a formación, xa está a provocar a preparación do desfile, especialmente pola ocupación de instalacións deportivas municipais para usos loxísticos vinculados ao operativo militar.
Neste sentido, os nacionalistas reclaman que o Concello adopte medidas compensatorias para os clubs e persoas usuarias afectadas polos peches, suspensións de actividades e limitacións de uso en ximnasios, pavillóns e outras instalacións deportivas municipais, incluíndo a devolución proporcional das cotas abonadas.
“O Goberno de Abel Caballero non pode permitir que instalacións públicas destinadas ao deporte e ao servizo da cidadanía sexan ocupadas para necesidades militares mentres a veciñanza continúa a pagar por servizos que non pode utilizar con normalidade”, denunciou Igrexas.
O BNG esixirá ademais transparencia sobre os custes económicos do desfile, reclamando ao Executivo local información detallada sobre todos os gastos directos e indirectos asumidos polo Concello. Entre eles inclúense os dispositivos especiais de seguridade, limpeza, mobilidade, horas extraordinarias do persoal municipal, adecuación de espazos públicos e cesión de instalacións.
“As viguesas e vigueses merecen coñecer o alcance deste dispendio de diñeiro da cidade”, afirmou o portavoz nacionalista, que considera “socialmente inxusto” dedicar recursos públicos a financiar un acto de exaltación militar mentres existen necesidades urxentes sen atender.
MANIFESTACIÓN DE GALICIA POLA PAZ
neste contexto, a Plataforma Galicia pola Paz convoca unha manifestación baixo o lema 'Nin guerra, nin OTAN, nin gastos militares. Paz e Soberanía!', que terá lugar o sábado 30 de maio con saída ás 12:00 horas desde Vía Norte.
A protesta conta tamén co respaldo da Confederación Intersindical Galega e de Galiza Nova, que fixeron un chamamento á mocidade galega para amosar o seu rexeitamento “contra a ocupación de Vigo por parte das Forzas Armadas españolas”.
ACTOS POLO DÍA DAS FORZAS ARMADAS
Os actos relacionados co Día das Forzas Armadas desenvolveranse entre o 26 e o 31 de maio e afectarán principalmente ás zonas de As Travesas, o centro da cidade —especialmente Montero Ríos e Porta do Sol—, Samil e o entorno de Balaídos.
O programa arrancará o martes 26 de maio coa apertura dunha exposición estática de material militar no porto de Vigo. O mércores 27 celebraranse exhibicións de persoal e material nas pistas de atletismo de Balaídos, con mostra canina, yeguada, voos de drons e helicópteros.
O xoves 28 terá lugar un encontro de músicas militares en Porta do Sol presidido polo xefe do Estado Maior da Defensa e outros mandos militares, acompañado dun pasarrúas polas rúas próximas e a participación de seis bandas militares e unha agrupación local.
O venres 29, Felipe VI pasará revista naval ás unidades participantes nun acto no que intervirán buques da Armada e da Garda Civil. Esa mesma tarde está prevista unha demostración militar na praia de Samil.
O acto central desenvolverase o sábado 30 de maio desde as 12:00 horas na avenida de Samil, coa presenza dos Reis e a participación de máis de 3.000 efectivos da Garda Real, Exército de Terra, Armada, Exército do Aire e do Espazo, Garda Civil e Unidade Militar de Emerxencias. O programa incluirá honras militares, salto paracaidista, homenaxe á bandeira, desfile aéreo e terrestre e homenaxe ás persoas falecidas “por España”.
As actividades concluirán o domingo 31 coa última xornada da exposición estática de material militar no porto de Vigo.