O HULA celebra o seu 15 aniversario cunha exposición que repasa a súa evolución e avances asistenciais

A mostra, instalada na entrada do hospital, destaca fitos como a incorporación de novas tecnoloxías, servizos pioneiros e o papel do centro durante a pandemia
exposición-15-anos-HULA-Lugo
2 Jun 2026

O Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) inaugurou unha exposición conmemorativa co gallo dos seus quince anos de funcionamento, unha mostra que poderá visitarse ata mediados de xuño na entrada principal do centro sanitario e que propón un percorrido pola súa historia recente e polos principais fitos desde a súa posta en marcha.

A exposición está composta por varios tótems instalados no acceso principal do hospital, nos que se recollen momentos clave destes quince anos, desde a construción e apertura do complexo ata a incorporación de novos servizos, tecnoloxía avanzada, programas asistenciais pioneiros e iniciativas en materia de humanización, formación, investigación e sustentabilidade. A mostra permite lembrar o proceso iniciado en novembro de 2010, cando o hospital recibiu os seus primeiros pacientes e completou o traslado da actividade asistencial desde o antigo Hospital Xeral.

Ao longo deste período, o HULA consolidouse como centro de referencia da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e como un dos principais proxectos sanitarios impulsados pola Xunta de Galicia. Na actualidade funciona como unha auténtica cidade da saúde, pola que pasan a diario milleiros de persoas entre pacientes, acompañantes, visitantes e profesionais, cun cadro de persoal de arredor de 3.700 traballadores.

A exposición tamén destaca a incorporación de prestacións que transformaron a atención sanitaria na provincia, permitindo que moitos pacientes puidesen recibir en Lugo tratamentos e probas que antes obrigaban a desprazamentos. Entre os principais avances figuran a posta en marcha da Hemodinámica, da Radioterapia e da Medicina Nuclear, servizos que supuxeron un cambio decisivo na atención de patoloxías cardiovasculares e oncolóxicas, con tecnoloxías como aceleradores lineais, PET e gammacámara.

Outro dos bloques da mostra está dedicado á alta tecnoloxía incorporada polo hospital, entre a que destaca o robot cirúrxico Da Vinci, co que xa foron operados arredor de 2.000 pacientes, permitindo intervencións máis precisas, menos invasivas e con mellores tempos de recuperación.

A exposición lembra tamén o carácter pioneiro do HULA en diferentes ámbitos, como a posta en marcha da rehabilitación cardíaca para pacientes que sufriron infartos ou a hemodiálise domiciliaria, unha iniciativa que sitúa a área sanitaria lucense como referente en Galicia ao permitir tratamentos renais no propio domicilio con maior autonomía para os pacientes.

A humanización da asistencia sanitaria ocupa igualmente un lugar destacado, con referencias aos hospitais de día, á atención á cronicidade, á unidade de Oncohematoloxía, aos programas de rehabilitación funcional para persoas maiores e ás iniciativas destinadas a mellorar o confort e a proximidade da atención hospitalaria.

A mostra pon tamén en valor o papel do HULA na prevención, na detección precoz, na docencia e na investigación, cun laboratorio que participa no programa galego de cribado de cancro de cérvix e cunha Unidade de Mama clave no diagnóstico e seguimento do cancro de mama. Como hospital universitario, o centro tamén acolle cada ano a formación de estudantes de Medicina, médicos residentes e outros profesionais sanitarios en formación.

Outro dos espazos está dedicado ao papel do hospital durante a pandemia da covid-19, unha etapa na que o centro reforzou a súa capacidade asistencial e se converteu nun punto clave da campaña de vacinación. A exposición tamén aborda a importancia dos sistemas técnicos e de soporte que garanten o funcionamento continuo do complexo, así como as medidas de sustentabilidade implantadas, como paneis solares, redución do papel, adaptación de quirófanos e a certificación como primeiro hospital público de España con desperdicio alimentario cero.

O HULA, cun investimento superior aos 300 millóns de euros, supuxo un cambio estrutural para a sanidade pública lucense ao centralizar servizos anteriormente dispersos e mellorar a coordinación asistencial. O complexo, situado en San Cibrao, ocupa unha superficie de 166.000 metros cadrados e dispón de preto de 200.000 metros cadrados útiles, máis de 800 camas, arredor de 500 salas de consulta e unha ampla dotación de quirófanos, unidades e servizos de alta tecnoloxía.

0.33821797370911