O medo na literatura de tradición oral, será o tema nas xornadas da AELG

GaliciaXa
XIV Xornada de Literatura de Tradición Oral. O medo é libre. Os mecanismos do medo na literatura de tradición oral, o 30 de outubro
o medo e libre xornadas 1
21 Out 2021

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega vén de presentar a XIV Xornada de Literatura de Tradición Oral que leva por nome O medo é libre. Os mecanismos do medo na literatura de tradición oral, que se celebrará o 30 de outubro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

Ao longo desta xornada sucederanse unha serie de conferencias na que persoas expertas en narración oral, literatura infantil e xuvenil, pedagoxía, antropoloxía social e cultural ou mesmo linguaxe musical analizarán distintas expresións da tradición oral tendo como eixo transversal o medo, un sentimento innato ao ser humano e un mecanismo de control das persoas desde que nacemos, individual e colectivamente.

Na presentación, os coordinadores da xornada e vogais da sección de literatura oral da AELG, Antonio Reigosa e Lois Pérez, sinalaron o interese da xornada para “as persoas que incorporan á función docente e para as xeracións novas que teñen interese na tradición oral”  e remarcaron a relevancia da tradición oral desde a perspectiva da literatura mais tamén desde a lingüística, lembrando que “son as transmisoras e transmisores de tradición oral quen mantiveron o idioma”.

A inscrición para esta décimo cuarta edición é obrigatoria e de balde. As persoas que queiran dispor da homologación da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, por un total de 8 horas, deberán cumprimentar a inscrición a través da páxina web da AS-PG. Aqueloutras que desexen recibir un certificado de asistencia por parte da AELG, e as que queiran asistir sen obter homologación nin certificado, deberán inscribirse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org , indicando nome, apelidos e DNI.

PROGRAMA

A narradora oral Titulada Superior en Arte Dramática na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia, Ana Carreira, abrirá a xornada coa súa ponencia “O medo non é libre”. Membro de Ubú Teatro e Pínconus, exerce a docencia sobre narración oral no Centro de Interpretación da Oralidade do Concello de Vigo, e completa a súa extensa experiencia en moi diversos ámbitos: campañas de animación á lectura, rotas literarias. festivais e ciclos de narración oral, programas de televisión, campañas escolares ou itinerarios culturais. 

A continuación tomará a palabra o escritor e contacontos Federico Martín Nebras, precursor no eido da narración oral e impulsor de movementos de renovación pedagóxicas nos anos setenta. Con “Días de contar e cantar: poemas para escorrentar o medo”, dará conta da importancia de transmitir a tradición oral a nenas e nenos a través do xogo, para que poidan ler o mundo a través das palabras. Ao remate, establecerase unha mesa redonda con estes dous primeiros expertos ao redor do lugar que habitan os monstros e a palabra, coordinada por Lois Pérez.

Despois do xantar, a antropóloga social e cultural Lidia Mariño presentará “Arco da Vella, vaite de aí... Relatos míticos que explican porque esconxuramos ó Arco”, explicando as súas achegas sobre o patrimonio inmaterial galego, a mitoloxía, os ritos e as crenzas. 

Pola súa banda, Antonio Reigosa, coordinador das xornadas, fará unha análise do medo como parte do imaxinario da humanidade e, en concreto, da cultura popular tradicional galega, coa conferencia “As caras do medo: Narrativas, tipoloxías e caracterizacións na mitoloxía popular galega”. Pecharán o círculo cunha mesa redonda sobre as figuras e contexto do medo na mitoloxía popular, coordinada por Cesáreo Sánchez Iglesias. 

Rematarase a xornada cunha sesión práctica, “De medos, maxias, músicas e beleza” guiada polo oboísta e historiador da música Benxamín Otero. 

Pódese consultar o programa ao completo cos horarios na seguinte ligazón: https://axendacultural.aelg.gal/2021/10/20/xiv-xornada-de-literatura-de-tradicion-oral-o-medo-e-libre-os-mecanismos-do-medo-na-literatura-de-tradicion-oral-o-30-de-outubro/

o medo e libre xornadas
0.14916515350342