O Mosteiro de San Pedro de Rocas acollerá o V Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia

O certame reunirá os días 19 e 20 de outubro medio centenar de profesionais da cociña das catro provincias galegas en plena Ribeira Sacra ourensá
presentacion-campionato-tapas-pinchos-galicia-esgos-2026
29 Sep 2026

O Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, será o escenario os días 19 e 20 de outubro do V Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia, impulsado pola Deputación de Ourense a través do Inorde xunto con Turismo de Galicia. O certame reunirá arredor de medio centenar de profesionais da cociña procedentes das catro provincias galegas.

A nova edición situará a cociña en miniatura como eixo dunha proposta na que se combinan gastronomía, identidade, paisaxe e produto. A presentación do campionato tivo lugar no Pazo Provincial coa participación do presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles; o presidente da Academia de la Tapa y del Pintxo de España, entidade organizadora, Mikel Martínez; o vicepresidente de Amigos da Cociña Galega, Francisco Gómez, e o presidente de Cociña Ourense, Gerson Iglesias.

Durante o acto, Rosendo Fernández destacou a relación do certame coa gastronomía, o patrimonio e a viticultura, así como a súa contribución á promoción da provincia de Ourense neste ámbito.

Pola súa banda, José Manuel Merelles puxo o foco no papel do produto galego para desestacionalizar a actividade turística e sinalou que a gastronomía é actualmente “a segunda motivación para que nos visiten”. Segundo os datos achegados polo director de Turismo de Galicia, o ano pasado máis de 160.000 persoas chegaron a Galicia para practicar turismo gastronómico, xerando case 94 millóns de euros en ingresos turísticos.

Mikel Martínez salientou a consolidación da competición e a súa vinculación co territorio. “Eliximos contar Galicia a través do pincho: unha pequena elaboración capaz de reunir creatividade, produto, tradición e talento en apenas dous ou tres bocados”, explicou.

A quinta edición desenvolverase novamente na Ribeira Sacra ourensá, nun contorno marcado polo patrimonio monástico, os canóns dos ríos Miño e Sil, os viñedos en ladeira e a tradición vitivinícola.

As persoas interesadas en participar poden realizar a inscrición de forma gratuíta a través da web oficial da Academia de la Tapa y del Pintxo. A organización facilitará aloxamento aos participantes que se despracen desde fóra da localidade anfitrioa.

Cada participante disporá de quince minutos para elaborar e presentar a súa proposta ante o xurado. As tapas deberán poder degustarse nun máximo de tres bocados e serán valoradas atendendo a aspectos como o sabor, a técnica, a presentación, a orixinalidade e o uso de produtos de proximidade.

Como novidade nesta quinta edición, entregarase o Premio á Mellor Historia detrás dunha tapa, que recoñecerá o relato, a inspiración e as vivencias vinculadas a cada creación. Tamén se concederá o Premio á Tapa Sabores da Provincia de Ourense, destinado a distinguir a mellor interpretación dos produtos de proximidade e da identidade culinaria do territorio.

0.47862696647644