Sanxenxo conectará o litoral de Silgar, Punta Vicaño e Baltar cun gran itinerario peonil

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asinaron este martes o convenio que permitirá desenvolver unha nova conexión peonil ao longo do litoral entre a praia de Silgar, Punta Vicaño e Baltar. A actuación contará cun investimento total de 1,8 millóns de euros, dos que 900.000 serán achegados pola institución provincial e os outros 900.000 polo Concello de Sanxenxo.
O proxecto está incluído na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que distribúe 35 millóns de euros entre 57 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega.
A intervención permitirá articular un percorrido peonil continuo de máis de 1.500 metros, conectando o final de Silgar co miradoiro de Punta Vicaño e co paseo e a praia de Baltar. Ademais de facilitar os desprazamentos, o proxecto contempla actuacións destinadas a mellorar os accesos e a conservación do sistema dunar situado en Baltar.
Durante a sinatura do convenio, Luis López salientou a importancia turística da actuación e asegurou que “Sanxenxo é un dos principais escaparates das Rías Baixas, polo que mellorar e coidar os seus espazos máis emblemáticos é tamén investir na proxección turística de Pontevedra”.
O percorrido dividirase en tres sectores con diferentes actuacións en función das características de cada zona. Entre Silgar e Punta Vicaño intervirase nun tramo de 293 metros, onde a presenza de rochas e a complexidade do terreo dificultan a creación dunha senda convencional. Neste punto instalarase unha plataforma de composite sobre micropilotes, acompañada de varandas de aceiro, balizas e proxectores de iluminación.
O segundo tramo, entre Punta Vicaño e Baltar, terá unha lonxitude de 614 metros. Os traballos incluirán a reparación dos puntos deteriorados da senda existente e a creación de novos segmentos para facilitar a conexión entre o miradoiro, o parque de Punta Vicaño e o acceso á praia.
Na zona da praia de Baltar actuarase sobre 634 metros. Neste caso, a pasarela actual será substituída por unha nova estrutura equipada con balizas e proxectores de iluminación e deseñada especificamente para contribuír á conservación do sistema dunar.
Luis López defendeu que o proxecto permitirá mellorar tanto o uso do litoral por parte das persoas visitantes como das residentes durante todo o ano. O presidente provincial definiu a intervención como “unha aposta por un Sanxenxo máis accesible, cómodo e atractivo para quen nos visita, pero tamén para as persoas que viven no municipio durante todo o ano”.
O responsable da Deputación tamén destacou a importancia de que Sanxenxo continúe reforzando a súa posición como destino turístico e a súa capacidade para atraer visitantes nacionais e internacionais.
A intervención incorpora ademais unha vertente ambiental vinculada á recuperación e protección do sistema dunar de Baltar. López defendeu que “Turismo e sustentabilidade non son conceptos contrapostos: protexer o litoral é tamén protexer un dos principais activos turísticos de Sanxenxo e das Rías Baixas”.
O presidente provincial resumiu o alcance da actuación sinalando que “En definitiva, hoxe damos un paso máis para que Sanxenxo siga sendo esa gran xoia turística das Rías Baixas: conectamos Silgar, Punta Vicaño e Baltar, melloramos a experiencia de quen nos visita e facémolo protexendo ao mesmo tempo o noso litoral e o noso patrimonio natural”.
A colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo tamén se estendeu durante este mandato a outros programas de cooperación. Segundo os datos facilitados pola institución provincial, nos últimos tres anos o Concello recibiu un total de 7,08 millóns de euros a través dos diferentes plans de cooperación aprobados pola Deputación.