O BNG reclama manter abertos os ximnasios municipais de Vigo durante o verán

O BNG de Vigo denunciará no pleno municipal deste luns o peche previsto de varios ximnasios municipais durante o verán e reclamará ao Goberno local que rectifique a súa decisión para garantir o acceso ás instalacións deportivas.
Segundo trasladou a formación nacionalista, o Concello prevé pechar durante todo o mes de xullo o ximnasio municipal do Berbés, mentres que o do Carme deixaría de prestar servizo en horario de tarde. Ademais, o Bloque advirte de que estas restricións poderían estenderse tamén ao mes de agosto.
O concelleiro do BNG Filipe Abalde explicou que xa solicitou explicacións ao responsable municipal de Deportes na Comisión Informativa celebrada esta semana, sen obter resposta. Por este motivo, avanzou que o seu grupo formulará a cuestión no pleno e pedirá que se manteñan operativas as instalacións.
A formación considera que estes peches supoñen un novo prexuízo para as persoas usuarias, que se suma ás limitacións rexistradas nos meses de maio e xuño en distintas instalacións deportivas da cidade con motivo da celebración do desfile das Forzas Armadas.
O Bloque tamén reclama que o Goberno municipal detalle cantas persoas poden verse afectadas, explique os motivos das restricións e informe das medidas compensatorias previstas para minimizar o impacto sobre usuarios e clubs deportivos.